2/2/2026

Caldo de ósos, un pracer para quen practica a Boa vida

De novo na CASA DO ROMUALDO abrimos a tempada de Celebrar o cariño, a amizade, os camiños da vida xa compartidos e tamén, os do porvir. Como estes tempos son de culler e de coller ... os ósos coas mans e saborealos canda a persoas que ben queres, un bo xeito é quedar para vir degustar o caldo de ósos canda outros saborosos manxares e viñolvidables caldos da nosa terra.

Cartel Caldosos 2026

No Concello lugués de Taboada, polas terras da Ulloa e da Ribeira Sacra, reforzamos a celebración do entroido convidando a quen aquí acode, a sentarse á mesa en saborosa e xenerosa irmandade.

Nestes tempos nos que o frío convida a achegarse á humana xente, sentarse ao pé da lareira e ao redor das mesas familiares, en Taboada o conforto entra no corpo, sobre todo,  grazas ao noso esgrevio e sublime caldo de ósos.

Din que é prato de culler, e  abofé que o é; mais tamén  o é de coller...

De coller o óso coas mans, achegándoo como para bicalo, tentando que beizos, lingua e dentes se vaian apropiando a gusto das distintas texturas e sabores, xoias que o tesouro da soá amorea sobre si.

Como se estivésedes a gozar do xogo da sedución, estas carnes aparentan querer manterse unidas, opoñendo apenas  resistencia, agardando tan só entregárense “a gusto”*.

Coa culler, e a xeito de apaixoante respiro, vanse achegando, caldo, garavanzos e patacas, suavemente perfumados de charouvía e especiados arrecendos, contribuíndo a acender, aínda máis se cabe, todos os sentidos.

 En tan carnal entroido, resistirse  é inútil devezo, pois de segundo, sexa tomando forma de costela, lombo ou lacón, o sagrado e porcino corpo segue, unha vez máis,  facéndose presente en milagreiras aparicións, as máis das veces sobre un leito de mazás, cogomelos e  lombarda.

De penitencia, pan e marmelo, canda ao afamado queixo - da D.O. Arzúa Ulloa- abren a procesión das sobremesas, na que orellas, filloas e flores, desfilan humildes acompañando o trono que, cal sacrosanta hostia, ocupa a divina Xiana ou Sacrapasta.

Por suposto, que todos eles se deixan acompañar de bo grado polos viñolvidables caldos -da D.O. Ribeira Sacra- que nas abas do Miño se producen.

Para rematar, permítaseme desde aquí, e procurando sempre contribuír ao benvivir, compartir hoxe o mellor dos meus desexos:

Sexas de lareira ou de ribeira, Paz e Ben para ti en cada xeira.

 

*“a gusto”: Esta expresión empregámola polas terras deTaboada co significado de a modo, pouco a pouco. Vai a gusto = vai a modiño, fai as cousas a gusto = fai as cousas a modo; faino a gusto = faino pouco a pouco.

Francisco do Romualdo